O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visita o programa piloto 'RenÓbrate' que se realiza no Carballiño
Destaca o valor da formación para o emprego adaptada ás necesidades de man de obra de sectores estratéxicos como o da construción, obxectivo desta iniciativa que desenvolve a Fundación Laboral de la Construcción xunto coa Xunta.
-
José González acompañado de Zeltia Lado e José Rafael Castro-Gil Seijas na visita a RenÓbrate. Foto: Xunta de Galicia. -
José González acompañado de Zeltia Lado e José Rafael Castro-Gil Seijas durante a visita. Foto: Xunta de Galicia. -
Visita á obra que os/as participantes de RenÓbrate realizan no Parque do Carballiño.
O programa piloto RenÓbrate que a Fundación Laboral de la Construcción de Galicia desenvolve coa Xunta de Galicia xunto co Concello de O Carballiño recibiu hoxe a visita do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, e polo alcalde en funcións do Concello de O Carballiño, José Rafael Castro-Gil Seijas.
O Carballiño é un dos concellos colaboradores do programa xunto con Arteixo, Sanxenxo e Santiago de Compostela cuxo obxectivo final é á cualificación profesional e á inserción laboral de 80 persoas desempregadas no sector da construción.
Durante a visita ás actuacións que se están a realizar no Carballiño dentro do programa RenÓbrate, González puxo en valor a formación para o emprego adaptada ás necesidades de man de obra de sectores estratéxicos como o da construción. Neste sentido, explicou que accións coma esta axudan a facer fronte a retos globais que inclúen ao sector da construción como a cobertura de vacantes laborais.
Obras de mellora en espazos públicos do Carballiño
No caso do Carballiño, son 20 as persoas participantes, igual que no resto de municipios implicados, e inclúe máis de 500 horas de formación, incluída a de prevención de riscos laborais no sector. O alumnado céntrase nas tarefas de albanelería e pavimentos urbanos, mediante a reforma e acondicionamento de locais municipais e actuacións en espazos públicos, como o Parque do Carballiño, incluíndo pavimentos peonís exteriores e elementos complementarios de urbanización.
As persoas participantes no programa están contratadas pola Fundación Laboral de la Construcción mediante un contrato de formación en alternancia durante os nove meses de duración do proxecto, percibindo unha retribución equivalente ao 100 % do Salario Mínimo Interprofesional vixente. A actividade laboral práctica supón, como máximo, o 65% da súa xornada laboral.
O obxectivo final de RenÓbrate é que o 60% do alumnado participante formalice, no prazo máximo de dous meses dende a finalización do programa, un contrato de traballo durante un mínimo de 3 meses a xornada completa en empresas do sector relacionadas coas materias impartidas e ó ámbito territorial de Galicia.