A compravenda de vivendas dispárase case un 50% en Galicia no mes de setembro respecto a 2023
Só no verán de 2010 houbo rexistros desta magnitude na comunidade galega, situándose en cifras semellantes ás rexistradas na burbulla inmobiliaria de 2007.
A compravenda de vivendas aumentou un 45,7% en Galicia en setembro en comparación co mesmo mes de 2023, catro puntos por enriba da subida do 41,5% estatal, cun total de 2.449 operacións, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE).
Deste xeito, a compravenda de vivendas en Galicia móvese en cifras semellantes ás da burbulla inmobiliaria de 2007, antes da crise. Dende entón, tan só no verán de 2010 houbo rexistros desta magnitude na comunidade, hai xa máis de 14 anos.
Se se compara co mes anterior, en agosto houbo 1.781 operacións, un ascenso do 37,5%. Do total de compravendas en setembro, a práctica totalidade foi sobre vivenda libre (2.377), con só 72 sobre inmobles de protección oficial. 1.791 vivendas eran usadas e 658 novas.
Tendencia estatal: 41% de aumento de compravendas
A compravenda de vivendas disparouse en España o pasado mes de setembro un 41,5% respecto ao mesmo mes de 2023 ata chegar a un total de 61.887 operacións, a maior cifra dende xullo de 2007
Co avance de setembro, a compravenda de viviendas conlevou tres meses de subidas interanuais, despois de que en xullo e agosto subira un 19% e un 0,9% respectivamente.
O aumento interanual da compravenda de viviendas en setembro debeuse ao repunte das operacións sobre pisos novos, que avanzaron un 54,9% interanual, ata as 12.531 operacións, a súa cifra máis elevada en 20 anos, como as realizadas sobre vivendas usadas, que creceron un 38,4%, ata as 49.356 operacións, a cifra máis alta dende maio de 2022.
A comunidade galega lidera a firma de hipotecas
Galicia lidera a firma de hipotecas sobre vivendas en setembro cun aumento do 73,7%. Sobre o total de fincas, constituíronse 2.152 hipotecas na comunidade galega en setembro, delas 2.120 sobre fincas urbanas e 32 en rústicas, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
A nivel estatal, o número de hipostecas aumentou en setembro un 33,9% respecto ao mesmo mes de 2023 ata sumar 41.306 préstamos, cun tipo de interese medio inferior ao do mes anterior.