Nace a Fundación Galicia Constrúe, Clúster da Construción para dar resposta aos retos tecnolóxicos, sociais e medioambientais da construción
42 empresas e catro centros tecnolóxicos de diferentes actividades relacionadas coa construción son o xerme de esta nova entidade presentada onte na Sede en Santiago de Compostela da Fundación Laboral de la Construcción
Na presentación participou o Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, así como outras autoridades políticas, axentes sociais e máis de 150 representantes do tecido empresarial de Galicia
- Presentación da Fundación Galicia Constrúe, Clúster da Construción
- O presidente da Xunta, Alfonso Rueda e a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, á súa chegada ao acto.
- Alfonso Rueda, presidente da Xunta, durante o seu discurso
- Diego Vázquez, presidente do Clúster, durante a súa intervención
- Antonio Pons, vicepresidente do Clúster, explicou os retos de sostibilidade do sector.
- Daniel Hermosilla, vicepresidente do Clúster, resaltou o peso histórico do sector en Galicia.
- Alfonso Rueda, Éthel Vázquez e Elena Rivo xunto cos directivos do Clúster na presentación.
- A experta en tecnoloxía e innovación Silvia Leal ofreceu a ponencia 'Os retos da construción'
A Fundación Galicia Constrúe, Clúster da Construción presentouse onte para dar resposta aos retos tecnolóxicos, sociais e medioambientais que debe afrontar a cadea de valor do sector da construción de Galicia. Impulsada pola Federación Galega da Construción, a nova entidade está integrada por 42 empresas e catro centros tecnolóxicos de diferentes actividades relacionadas coa construción.
Na presentación, que tivo lugar na Sede en Santiago de Compostela de Fundación Laboral de la Construcción de Galicia, participou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, que estivo acompañado polas conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade, Éthel Vázquez, e de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, entre outras autoridades políticas, axentes sociais e máis de 150 representantes do tecido empresarial de Galicia e que contou coa ponencia da experta internacional en tecnoloxía, innovación e tendencias de futuro, Silvia Leal sobre Os retos da construción.
O patronato da Fundación Galicia Constrúe, Clúster da Construción está formado por Diego Vázquez Reino, presidente da construtora Vázquez y Reino, como presidente; Daniel Hermosilla, CEO en Rodiñas Pretensados e Antonio Pons, director xeral de CETIM (Fundación Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial), como vicepresidentes, así como Santiago Ferreiro, director xeral de Construcciones Orega, como secretario.
Sostibilidade e innovación tecnolóxica, os principais obxetivos do Clúster
O Clúster da Construción destaca que o seu principal obxectivo é acompañar ás empresas a adaptarse a este tempo de transformacións tecnolóxicas e sociais para seguir sendo competitivas e para crear unha sociedade máis sostible.
Diego Vázquez Reino, presidente do Clúster, destacou que esta entidade "reúne un grupo heteroxéneo de sectores comprometidos coa excelencia, a innovación e a sostibilidade." A través da colaboración e o intercambio de coñecementos, "queremos impulsar o crecemento colectivo e o desenvolvemento sostible do sector" que, segundo indicou, significa "o 12% do tecido empresarial" de Galicia.
Entre os obxectivos do Clúster, Vázquez Reino referiuse á "tripla sustentabilidade: económica, social e ambiental" para "lograr a rendibilidade económica das nosas empresas; a consolidación e mellora das condicións laborais e reducir o impacto no medio ambiente das actividades" así como “seguir potenciando a igualdade, conseguindo incrementar a presenza, cada vez maior, da muller no noso sector e incorporar a persoas mozas á nosa actividade e garantir así o recambio xeracional”.
"Un momento crucial para enfocarnos nunha construción máis sostible"
Daniel Hermosilla, vicepresidente do Clúster, asegurou que “os novos retos para dar solución ós problemas da construción, como a falta de man de obra, a endémica falta de produtividade do sector, impoñen ir cara a procesos máis industrializado, máis dixitalizados, máis sostibles.” Hermosilla resaltou o papel do Clúster como “o catalizador, o cemento que nos faga ir a outro nivel a través da colaboración”.
"Somos os herdeiros dos que construíron a fachada da Catedral de Santiago", engadiu Hermosilla que destacou que a paisaxe de Galicia "é construída", como o demostran a Torre de Hércules ou a Muralla de Lugo. Por iso, considerou que Galicia pode converterse en referente internacional para aportar "produtos feitos en fábrica e ensamblados en obra".
Antonio Pons, vicepresidente do Clúster, destacou a oportunidade que supón esta entidade "nun momento crucial" para "enfocarnos nunha construción máis sostible, que faga un uso eficiente e eficaz dos recursos tanto os enerxéticos, hídricos como nos propios materiais". Segundo lembrou, o sector afecta ao 50% dos recursos naturais de Galicia, gasta o 40% da enerxía e o 16% da auga, xenera o 40% dos residuos e emite o 36% dos gases de efecto invernadoiro. Lograr a sostibilidade é tamén, segundo indicou, unha obriga marcada dende a UE que establece a redución de emisións contaminantes nun 55% para 2030 como preludio á neutralidade ambiental para o 2050.
Alfonso Rueda: "Un sector comprometido coa excelencia, a innovación e a sostibilidade"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, calificou de “magnífica nova” a decisión dos empresarios e profesionais galegos da construción de unirse a través deste clúster para procurar a modernización e innovación do sector así como mellorar a competitividade das empresas galegas e buscar solucións a retos do futuro máis inmediato como a modernización tecnolóxica, o cambio climático ou a falta de man de obra actual.
Rueda considerou o Clúster un "interlocutor fundamental" e resaltou a importancia "para a economía e o tecido produtivo galego" deste sector co que é fundamental colaborar para "seguir construíndo Galicia a través da obra pública". Na súa opinión, esta nova entidade "reúne a un grupo heteroxéneo de sectores comprometidos coa excelencia, a innovación e a sostibilidade" para impulsar un crecemento "próspero, sostible e innovador" a través da "colaboración e o intercambio de coñecementos". Por iso, a Xunta destina 500.000 euros ata 2024 a apoiar aos clúster emerxentes, entre eles o da construción.
O presidente da Xunta animou ao sector, que aglutina a 8.500 empresas e 80.000 traballadores na comunidade, a seguir medrando e situar Galicia á vangarda neste eido. “En Galicia se constrúe e se constrúe moi ben desde hai anos”, sinalou o presidente, quen fixo fincapé en que “se lle vai ben á construción lle vai ben a Galicia".
Unha cadea de valor que emprega a máis de 100.000 persoas
Segundo salientan dende a nova entidade, a construción é unha industria fundamental para a economía e para a sociedade de Galicia, xa que a cadea de valor do sector da construción representa máis do 10% do PIB, o 12% do total de empresas de Galicia, emprega a máis de 100.000 persoas e factura por riba dos 13.000 millóns de euros.
Isto vese reflectido no feito de que dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, a construción está vencellada dunha forma clara a oito deles: Saúde e Benestar da sociedade, Auga limpa e saneamento, Enerxia accesible e non contaminante, Traballo decente e crecemento económico, Industria, innovación e infraestrutura, Cidades e comunidades sostibles, Produción e consumo responsable e Acción polo clima. E no resto dos Obxectivos, a construción tamén inflúe de forma transversal, segundo resaltan dende o Clúster.